Miño na súa historia

Miño na súa historia

Os primeiros asentamentos de poboación en Miño, dos que se ten constancia, son os xacementos castrexos que falan da presenza de tribos de orixe celta e que pola súa disposición, establecéronse na zona norte deste territorio, situándose en lugares estratéxicos, mostra diso, podemos observar os castros de Centroña, Vos Mouros en Perbes, Santa María en Castro, o de Loios en Miño, Andrade en Carantoña e Vos Mouros en Leiro. Pouco se sabe do paso doutras culturas pola zona, a única vaga referencia que consta é o “Tesouro de Algar” unha urna de orixe romana que contiña 1500 moedas en Bemaño en Perbes, aínda que pode tratarse de algo traído doutro lugar.

Na Idade Media, Miño pasa a ser territorio dos Andrade e da nobreza mariñana. Época que se caracteriza polo paso dos templarios dependentes probablemente do dominio de Faro en Culleredo, que construíron a antiga igrexa de Santa María, da que hoxe tan só se conserva o ábsida cadrado. 

A mediados do século XIV prodúcese a invasión do Reino de Galicia polo Rei de Portugal. Os portugueses chegaron ata as murallas de Betanzos pero non puideron tomar a praza ante a intervención de Fernán Pérez de Andrade, o que produciu unha enorme ira nos atacantes que a desembocaron coa poboación da costa.

Unha vez extinguida esta orde de templarios a zona pasou a ser propiedade da casa Andrade ós que lles pertencía os beneficios de Perbes, Villarmayor e o coto de Leiro que posteriormente, en 1470, foi cedido ao cabaleiro Fernán Pérez Parragés sendo apresado por Alonso de Lanzós, que loitara contra os nobres durante a sublevación “irmandiña”. As casas solariegas demostran a implantación na zona da nobreza mariñana, pertencentes a familias deste arcaico linaxe como son o pazo de Callobre dos condes de Vigo, a torre de Bermaño, a casa dos condes de Taboada no Fondal de Perbes (practicamente desaparecida na actualidade) e os pazos de San Paio e dos Varela en Bañobre. Deste período, quedan dúas pontes sobre os ríos Lambre e Vixoi, construídos por Fernán Pérez de Andrade. Son duas das sete famosas pontes que permiten o paso polas súas terras. A Ponte do Porco, chamado así polo jabalí, símbolo dos Andrade, labrado en pedra, coñéceselle hoxe en día como Ponte Lambre, caracterizado polo seu estilo gótico acompañado dun único arco. Anos despois, en 1981 constrúese un monumento na memoria de Fernán Pérez de Andrade, sobre a praia da Alameda.

O concello foi evolucionando durante os séculos XVI e XVII,e  irase formando unha poboación de diversas parroquias que forman parte do territorio actual de Miño, segundo figura nunha contestación da provincia de Betanzos ao interrogatorio de Felipe II para o reparto de moriscos e granadinos así como nas Memorias do Arcebispo de Santiago.

En decembro de 1944 as chamas arrasaron parte da historia do concello, a Casa Consistorial de Miño foi envolta  polas chamas e, con ela, gran parte dos seus documentos. Grazas ao Boletín Oficial da Provincia da Coruña, nº 206 do martes 9 de Setembro de 1919, sabemos que o concello trasladouse de Castro a Miño e, tamén cambiou a denominación do concello. Un ano máis tarde, o alcalde Don Ignacio Paz do Río, asinou a escritura de venda do edificio que ocupará a Casa Consistorial do Concello de Santa María de Castro.

Actualmente Miño conta con fermosos lugares naturais como o litoral que forma a praia Grande e a ampla marisma situada na desembocadura do río Baxoi. É un dos principais centros estivais das Rías Altas, debido á proximidade das áreas urbanas e á paisaxe de indubidable beleza que ofrece o litoral.